CONTRATO PROGRAMA IGUALA-T
A iniciativa de Contratos-programa Inclúe (CPInclúe) constitúe un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, e en consonancia cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030, concretamente cos obxectivos 4 (Educación de calidade) e 5 (Igualdade de xénero), poidan desenvolver un plan de mellora no que poidan, en función das necesidades detectadas e do seu proxecto educativo, acadar o éxito educativo a través da implementación de programas que promovan a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a inclusión, a redución das taxas de abandono escolar temperán, o desenvolvemento da competencia emocional e, en xeral, a mellora do clima escolar de toda a comunidade educativa.
En definitiva, o fin último é lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver o máximo posible as súas potencialidades e, xa que logo, contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia. Esta iniciativa consta de 5 actuacións:
- QUÉDA-T.
- IGUÁLA-T.
- CONVIVE-T.
- INCLÚE-T.
- EMOCIÓNA-T
A educación é clave para romper coa transmisión dos estereotipos e eliminar as desigualdades entre homes e mulleres, para previr e abordar a violencia de xénero así como para pór en valor a diversidade afectivo-sexual e de xénero e o respecto a todas as persoas. Os centros educativos desempeñan un importante papel no ámbito da coeducación dende as idades máis temperás, contribuíndo ao desenvolvemento integral do alumnado, axudándolles a identificar as desigualdades e colaborando na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Desenvolveranse accións que interveñan no fomento da coeducación, isto é, a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes; a prevención, a detección e o tratamento das violencias machistas; e a promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual e de xenero.
Partindo desto, no noso centro comezamos por unha formación do profesorado para coñecer a maneira de abordar esta temática dende o punto de vista pedagóxico-didáctico máis axeitado.
Tamén promocionamos charlas-coloquio dirixidas as familias e a comunidade educativa en xeral, xa que ademáis foi unha demanda que xurdiu dende o Consello Escolar, elaboradas por profesionais acreditados en materias de igualdade de xénero e afectivo-sexuais.
Finalmente trasladamos ao alumnado todo o aprendido:
Primeiro creando un espazo físico visible no centro que axude a ubicar ao alumnado información, materiais, libros, contos... e calquera cousa que puidera precisar neste senso.
Mercamos tamén novos fondos bibliotecarios para actualizar e mellorar os que xa tiñamos.
Segundo: comezamos a traballar co alumnado a través de:
Charlas de expertos
Entrevistas e debates con persoas do colectivo LGBTIQ+ coa finalidade de coñecer referentes positivos neste senso.
Contacontos, visualización de cortos, imaxes e sesións de debate, diálogo e reflexións co alumnado, tanto en galego como en inglés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario